Thursday 25 de April de 2024

A Xunta e Vilamaior colaboran na humanización da contorna da casa Consistorial


— Con esta actuación preténdese poñer en valor un ámbito urbano no que diariamente se concentra unha ampla actividade, dado os servizos que concentra

— Ángeles Vázquez indicoulle que a Consellería iniciará a tramitación necesaria co obxectivo de licitar as obras este mesmo ano

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Vilarmaior colaborarán na humanización da contorna da Casa Consistorial e do centro de saúde.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Vilarmaior, Carlos Vázquez, asinaron esta semana o convenio de colaboración que recolle un orzamento de más de 50.000 euros, dos cales o 70% será aportado pola Xunta (35.495 €) e a porcentaxe restante (30%, 15.212 €) pola administración local.

Esta actuación en materia urbanística pretende poñer en valor un ámbito no que diariamente se rexistra unha ampla actividade por parte dos veciños, dado os servizos que concentra.

Tal e como se recolle no convenio, a Consellería asumirá a licitación das mesmas, sempre e cando o Concello acredite a dispoñibilidade dos terreos libres de carga e gravames; polo que traballará coa previsión de licitalas este mesmo ano. Pola súa parte, a administración local comprométese a recibir a actuación ao seu termo e a conservala e mantela.

Esta nova actuación sumarase a outros proxectos xa realizados no concello de Vilarmaior, como a mellora integral do parque infantil O Tres, en 2019, ou a humanización da parcela exterior da Casa da Cultura, acometido este mesmo ano.

Desde 2010 a Xunta leva apoiando aos concellos a través do Plan Hurbe na execución de diferentes intervencións e proxectos co obxectivo común de crear, optimizar ou poñer en valor infraestruturas de uso público e colectivo que redunden na calidade de vida dos veciños.

Esta liña de traballo tamén se manterá no 2022, xa que a Consellería de Medio Ambiente habilitou unha partida orzamentaria de 7 millóns de euros, para contribuíu a dinamizar as vilas galegas e a mellorar a calidade de vida dos seus veciños.